Concello vello da vila
É un edificio que se pode situar a finais do século XVIII, en 1789, de acordo coa documentación conservada. Na parte de atrás da edificación hai un escudo coa data de 1700 que posiblemente foi reutilizado.
Para dirixirnos á parte posterior deste edificio temos que facelo pola calella que hai ao seu carón, a ruela máis estreita da vila.
Unha curiosidade do seu emprego como concello é que ten saída a dúas rúas arteriais da vila intramuros da antigüidade, ao carón de cadansúa porta da vella muralla: nesta fachada principal, a porta do Estaleiro, e pola parte posterior, na rúa Isidoro Queimaliños, a porta da Vila.
Todo o barrio antigo da vila está atravesado por pequenas calellas que unen as rúas principais arteriais do centro histórico, todas con nomes populares que fan referencia a persoas que viviron nas súas inmediacións. Na ligazón que se atopa ao final desta páxina podedes acceder a unha interesante relación de toponimia popular de Redondela.
![]() |
Fachada posterior do edificio |
Posteriormente, a mediados do século XIX o Concello pasou para a casa da Torre, e este edificio foi disposto como casa de acollida para pobres e, xa nos últimos anos, como conservatorio de música. Hoxe en día o conservatorio de música ten o seu propio edificio adecuado para ese fin nas instalacións escolares da marisma. Agora, este vello edificio emprégase para diferentes dependencias municipais, entre elas, a oficina de turismo, xa que o Camiño Portugués de Santiago pasa pola súa beira.
A corporación estaba formada por 10 persoas: o mandatario superior era un xuíz nomeado polo arcebispo de Santiago; acompañábano un escribán, catro rexedores, dous deputados do común e dous procuradores xerais que representaban os gremios que exercían na vila.
Como curiosidade podemos mencionar que a documentación se gardaba nunha arca de tres chaves que existía no edificio. Este costume aínda se conserva nun territorio histórico e singular de Galicia denominado O Couto Mixto, formado por varias parroquias dos concellos ourensáns de Calvos de Randín e Baltar, e aparece tamén en moitos outros lugares da península.
Descrición
A fachada principal garda unha simetría e proporcións que lle outorgan unha beleza e atractivo singular.
Por unha parte, a planta baixa presenta unha porta de arco rebaixado escarzano con molduracións que a envolven na súa totalidade, co realce dos orellóns superiores típicos do barroco. Salientan os triplos pináculos que hai embutidos na parte superior destes orellóns, así como as pequenas volutas que hai na baixada das xambas laterais.Na planta superior señorea un fermoso balcón tradicional corrido redondelán con dúas portas, dende onde os mandatarios municipais se dirixían ao pobo cando o edificio funcionou como Concello. No século XVIII esta planta era a sala de reunións dos edís que formaban a corporación.
Nos laterais do edificio destacan dous adornos que completan a singular beleza do vello concello: dúas columnas embutidas na fachada con bases molduradas e rematadas en capiteis estriados.