Aparcadoiro e inicio
APARCADOIRO:
Este aparcadoiro libre discorre ao longo da beira do río Alvedosa e remata ao carón da depuradora de augas.
(imaxe interactiva)
FEIRA:
Esta explanada é un dos lugares habilitados para a feira que se celebra os días 6 e 21 de cada mes.
A feira é diversa, con postos de roupa e complementos, flores, alimentos, plantas e ferramentas agrícolas.
As feiras de Redondela constan en diferentes documentacións dende o século XVII en diante.
A periodicidade de celebrala o 21 de cada mes data xa do ano 1838. O día 6 foi incorporado a partir de 1923.
Ata que a lexislación prohibiu a venda de animais nas feiras, Redondela contaba tamén coa feira de gando máis importante da bisbarra.
MARISMA E RECHEO:
Ata mediados do século XX todo o que se ve ao noso arredor era unha marisma formada na confluencia da desembocadura dos ríos Alvedosa (que atravesa o centro da vila) e o río Pexegueiro (que provén da zona alta da parroquia do Viso e desemboca pola beira norte da depuradora.
Quedan restos do que foi esta marisma na parte traseira do instituto de ensino secundario Mendiño.
INSTALACIÓNS PÚBLICAS:
Sobre o recheo que levou á eliminación da marisma construíronse distintos tipos de dotacións públicas:
- unha escola infantil de 0 a 3 anos;
- a escola infantil Santa Mariña, a partir de 3 anos;
- o colexio de educación primaria (CEP) Santa Mariña;
- o instituto de educación secundaria (IES) San Simón.
- o instituto de educación secundaria (IES) Mendiño;
- o instituto de formación profesional e educación secundaria Pedro Floriani, extensión tamén da Escola Oficial de idiomas;
- o centro deportivo con piscina municipal; dous pavillóns polideportivos, un a cada beira do río Pexegueiro;
- o centro de saúde de Redondela; o edificio que alberga a policía municipal do concello;
- a depuradora de augas;
- e as antigas vivendas dos mestres, hoxe en día case arruinadas a maioría delas.
ESCOLAS E VIVENDAS DOS MESTRES:
En outubro de 1964 anunciouse a puxa da construción do Grupo escolar de Redondela xunto con 14 vivendas para o profesorado.
En outubro de 1967 púxose a disposición do Ministerio de Educación os terreos para a construción da ampliación do grupo escolar de Redondela.
En xuño de 1969 saíu a puxa a construción da segunda fase das escolas de Redondela. A ampliación do Grupo Escolar de Redondela, daquela chamado Colegio Nacional Comarcal Encinas Diéguez, nome do Gobernador Civil de Pontevedra, entrou en funcionamento en 1972.
DEPURADORA:
Inaugurouse en 1993, impulsada pola Xunta de Galicia. Naquel momento podía tratar un caudal medio de 70 litros por segundo, a través dun proceso de decantación de materiais en suspensión e un procedemento biolóxico de auga oxixenada. Podía prestar servizo a uns 24 000 habitantes.Durante estes anos foi motivo de protestas e reclamacións de traslado da planta de depuración debido aos malos olores e os perigos de contaminación da enseada.
CONFLUENCIA DOS RÍOS:
(Ver foto anterior)
Ao redor da depuradora conflúen os dous ríos que forman a entrada da enseada a Redondela: o río Alvedosa, que provén do sur e atravesa o centro da vila, e o río Pexegueiro que provén do nordeste, dende as terras altas da parroquia do Viso.
Entre estes dous ríos, neste treito final, existía ata mediados do século pasado unha gran marisma que se estendía por toda esta chaira. Posteriormente foi completamente aterrada ao longo destes anos para construír as dotacións públicas que podemos ver na actualidade sobre a súa superficie.
RÍO ALVEDOSA:
Nace no concello de Pazos de Borbén, parroquia da Ermida. Atravesa as parroquias de Reboreda e Ventosela. Ten unha lonxitude de 12 km.
Na parroquia de Reboreda forma unha fermosa feixa (fervenza), con miradoiro sobre ela, denominada A Feixa, a carón do Muíño Vello. Ao seu paso por esa parroquia recreáronse varios muíños como lugares de restauración (Muíño da Ponte, Muíño Vello de Delio e Muíño do Peirao).
RÍO PEXEGUEIRO:
Nace na parroquia do Viso e, ao longo de 6 km, atravesa tamén a parroquia de Cesantes. As súas marxes foron sufrindo, sobre todo na parte baixa, diversas alteracións debidas á acción humana.
No ano 2010 acometeuse un plan de rexeneración do que ficaba da marisma e levouse a cabo a demolición do muro de pedra da marxe esquerda que canalizaba as súas augas ata a súa confluencia co Alvedosa. Isto permitiulle ao río recuperar o seu curso natural, así como a fauna e flora típicas das beiras do río que se perderan coa construción do muro. Ademais, o traballo realizado incluíu a creación dun espazo público coa apertura de zonas verdes e un paseo peonil pola beira do río para enlazar co existente no tramo anterior.