Casa dos Prego de Montaos ou da Alfóndega

É una casa con forma irregular, erixida no século XVI pola familia nobiliaria dos Prego de Montaos.

O balcón ten unha fermosa feitura redondeada nos extremos, ocupando toda a fachada.

A porta presenta un arco de medio punto rebaixado, con lumieira na parte superior. 

Nesta planta baixa non hai ningún outro van nos muros laterais, o que fai pensar que o baixo non era empregado como vivenda, senón como almacén.

O que máis chama a atención son os dous escudos que flanquean ambos os lados da porta principal.

Os dous escudos presentan na parte superior unha cimeira con figura de helmo fidalgo con grandes penachos ao redor.

Escudo da nosa esquerda:

Cuartel esquerdo: casa dos Prego de Montaos, recoñecible polo característico castelo con tres torres entrelazadas por unha edra sobre unha ponte de tres arcos con auga por debaixo. O castelo simboliza a grandeza e poder da liñaxe, protección dos aliados e resistencia ante os inimigos.


Cuartel dereito: casas dos Pereira e dos Castro. A casa dos Pereira represéntase na parte superior cunha cruz flordeliseada (pola flor de lis), tamén chamada cruz de Florencia, formada por catro brazos iguais rematados cunha flor de lis en cada un deles, acompañada dunha estrela na parte superior esquerda. 

No cuartel inferior presenta seis puntos bezantes, emblema da familia Castro. Lembremos que os puntos bezantes (de Bizancio) poden ser levados polas casas cuxa liñaxe quere significarse pola súa participación na conquista de Terra Santa. A cruz normalmente simboliza "la espada de los caballeros, a quienes se concedía esta pieza cuando regresaban del combate con su espada teñida de sangre enemiga."


Escudo da nosa dereita:

Representa as casas dos Lira, Ozores, Prego de Montaos e Troncoso.

Cuartel esquerdo superior: emblema dos Lira, cun brazo empuñando unha espada. O brazo é un símbolo de fortaleza para guerrear, a parte do corpo humano coa que se realizan os maiores esforzos, neste caso no combate.


Cuartel esquerdo inferior: a casa do Ozores, coa figura dun león rampante. Esta figura nos escudos simboliza a autoridade, o dominio e a bravura; tamén o espírito guerreiro.


Cuartel dereito superior: casa dos Prego de Montaos, cunha torre fortificada. Esta figura é un símbolo que caracteriza a casa que a posúe pola súa xenerosidade con que a liñaxe se ofrece ao servizo da súa patria e do seu rei.


Cuartel dereito inferior: casa dos Troncoso, co tronco dunha árbore sobre fondo xadrezado. A árbore coas raíces á vista, coma neste caso, son propias de liñaxes que se caracterizan pola súa antigüidade e nobreza, sobreviventes grazas ao seu propio esforzo, sen favores de ningunha outra axuda. Os xadrezados xa vimos na descrición da casa do Cabo dos Fumeiros que estaba relacionada co dominio das artes militares e a exposición da vida en contendas sanguentas.




Publicacións populares deste blog

Paseo da Portela

Porta da Vila

Aparcadoiro e inicio