Casa da Torre


O edificio presenta baixo e planta superior, menos na fachada, na que se eleva unha torre (que lle dá o seu nome) con dúas plantas.

Na fachada principal, onde se sitúa a torre, a porta de entrada ten un arco de medio punto; sobre el un balcón pequeno, e, no segundo andar, un balcón corrido por toda fachada con dúas portas. O beiril superior presenta unha decoración simple de bandas superpostas. No lateral desta fachada erixiuse un contraforte para soster o empuxe da altura do edificio.

Na fachada dereita da torre, orientada cara ao río, a parede da planta baixa está construída con pedra irregular. O primeiro andar ten un balcón corrido sostido por sólidas ménsulas labradas. 

Fachada cara ao río Alvedosa

O resto desta fachada está composta por catro grandes xanelas no lateral do río, cunha porta de arco rebaixado.

Ao carón desta fachada discorría a antiga muralla que arrodeaba a vila, dentro da cal quedaba este edificio.

Fachada traseira da Casa da Torre
Na parte traseira da casa presenta dúas portas, unha delas con arco de medio punto; un gran balcón corrido no primeiro andar, con outro balcón superior de menor tamaño no pincho do edificio.

Destaca nesta fachada posterior a enorme cheminea situada ao un dos lados.


No outro lateral do edificio, máis sobrio, presenta unha porta de arco de medio punto con dúas xanelas grandes encima, xunto con outra singular situada a media altura a carón da torre. 

Entre as dúas xanelas ostenta un portentoso escudo da casa dos Prego de Montaos, recoñecible polo inconfundible castelo de tres torres sobre a ponte de tres arcos, símbolo todo el da grandeza e poder da liñaxe, protección dos aliados e resistencia ante os inimigos.


Cando se habilitou como casa do concello, instaláronse aquí as oficinas municipais e, a maiores, o xulgado e unha escola pública masculina.

Poucos anos máis tarde, en 1918, a escola trasládase para o edificio construído na Xunqueira, hoxe centro social da terceira idade.

En 1935 foi o xulgado o que abandona estas dependencias, e o edificio continúa funcionando só como Concello.

Na década de 1950 constrúese o actual consistorio municipal e a Casa da Torre pasa a ser ocupada por unha empresa de autobuses, que aparcaba os seus vehículos de transporte nunha nave que había ao seu carón.

Por fin, en 1996, a Xunta de Galicia adquire o edificio e transfórmao no que agora podemos admirar e gozar na actualidade.

Funciona durante todo o ano como albergue de peregrinos e contén unha exposición permanente pública de pezas de Sargadelos cedida por don Adriano Marques de Magallanes. Ao longo do ano tamén se organizan diversas exposicións no seu interior.

No lateral do edificio podemos admirar un gran escudo da liñaxe dos Prego de Montaos, figurado co característico castelo de tres torres sobre unha ponte de tres arcos coas auga pasando por debaixo.

Na parte traseira do edificio habilitouse unha zona de concertos e representacións que fan deste espazo público un lugar de especial atracción para a cidadanía.

Publicacións populares deste blog

Paseo da Portela

Porta da Vila

Aparcadoiro e inicio