Pazo de Petán
Na fachada principal do pazo podemos ver claramente o gran escudo que a preside cos elementos identificadores, xa comentados noutros lugares deste percorrido: o castelo de tres torres sobre unha ponte de tres arcos.
O edificio conta con baixo e dúas plantas do edificio orixinal, e unha terceira planta engadida nunha reforma de mediados do século XX. Na zona leste do edificio érguese unha gran torre ameada, tamén de mediados do século XX, mais cun pretendido estilo rexionalista.
Fachada da rúa do Padre Crespo
Na planta baixa presenta tres portas: a principal cun grande arco de medio punto; e a ambos os lados dúas portas con arco rebaixado.
Na primeira planta un balcón corrido con varanda realizada en forxa, sostido por nove ménsulas lobuladas, con porta e dúas xanelas do mesmo tamaño ca a porta a ambos os lados do balcón.Na segunda planta vemos tres xanelas e o escudo da familia fundadora do pazo: os Prego de Montaos.
Fachada principal do pazo
Accédese a través dun portal de reixa. Inmediatamente aparece unha ampla escalinata con varandas de pedra labrada a ambos os lados. Por ela chégase á entrada principal, situada na primeira planta e aos xardíns do pazo.Sobre a porta principal destaca un fermoso balcón corrido todo realizado en pedra apoiado en seis ménsulas de fermosa factura lobulada.
Fachada norte do pazo
Está situada sobre o camiño da Tafona, onde podemos refrescar o noso percorrido nunha fonte que hai apegada ao muro do pazo.Esta fachada presenta tamén baixo e tres alturas, a terceira delas é o engadido do século XX.
Destacan a abundancia de xanelas en ringleira pola primeira planta e o balcón corrido, con tres portas, da segunda planta.