Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2021

Tenda da Regueira

Imaxe
Entrar na tenda da Regueira é recrearse nos antigos sabores destes comercios que frecuentaban na antigüidade as persoas que habitaban esta vila. Ademais desta tenda tradicional, existe unha segunda tenda, A Loura , na rúa do Padre Crespo, que se mantén no mesmo lugar orixinal. Ambas as tendas conxugaron a forma de adaptarse aos tempos actuais ofrecéndonos unha nova forma de mercarmos os produtos tradicionais da terra. Ao longo do século XX existiron moitas tendas na vila, mais estas son as últimas que quedan mantendo esa fasquía de outrora. Na páxina web de Juan Migueles (Anecdotario Redondelán) podedes acceder a toda a información detalladas sobre as datas e as persoas que as rexentaron. Fonte de información: Anecdotario Redondelán (imaxe interactiva)

Porta da Vila

Imaxe
Podemos entender que para un lado e outro desta porta discorría a antiga muralla que envolvía o centro histórico. Cara ao oeste desapareceu baixo as novas edificacións, mais cara ao leste aínda se conserva parte do lenzo da muralla, subindo pola rúa Telmo Bernárdez, quizais non orixinal na súa totalidade. PORTAS DA VILA En total había seis portas ao longo do perímetro da muralla. PORTA DA VILA: situada ao norte, fronte a entrada do barrio da Farrapada, como xa describimos antes. Era a saída norte da vila, o antigo Camiño Real que nos leva para Santiago. Hoxe en día dá acceso á rúa Isidoro Queimaliños e ten a súa saída no outro extremo pola antiga porta do Val, ao carón da actual casa da Torre. PORTA DO ESTALEIRO: está orientada cara ao oeste, onde remata a rúa Reveriano Soutullo na súa confluencia coa praza da Constitución. Esta praza, na antigüidade tamén se chamou praza do Estaleiro. Entrando por esta porta e percorrendo a actual rúa de Reveriano Soutullo chegariamos á outra antiga...

Casas vilegas da rúa do Cruceiro

Imaxe
A maioría das vivendas están adaptadas aos tempos actuais convivindo con fasquías tradicionais características da vila, con baixo e primeiro andar con balcón corrido ao longo da fachada. A pedra, como pode observarse en todo o percorrido, é o material predominante. Os balcóns corridos alternan con galerías acristaladas. Unha das galerías está realizada en pedra sobre ménsula e columnas traballadas, cun marcado acento rexionalista nas formas e na decoración.

Canastro da Farrapada

Imaxe
 ESTADO DE CONSERVACIÓN O estado de conservación actual merece unha especial atención. Os paneis de madeira están caendo e podrecendo, o tellado ten desprendementos e afundimentos que necesitan deter canto antes a entrada de augas. Este canastro chama especialmente a atención polo lugar onde está situado, na confluencia de dúas antigas praciñas, e destaca por ser o único ao longo de toda esta rúa. Hoxe en día, perdida a súa utilidade inicial, resulta un elemento patrimonial e decorativo urbano que lle engade moita máis fermosura ao lugar en que se encontra. Fonte de información : IES San Simón

Casas con soportais

Imaxe
Son as únicas vivendas  tradicionais que se conservan con esta estrutura de soportais na vila. Interprétanse como casas mariñeiras, polo costume de aproveitar os soportais para gardaren os apeiros de pesca. Os soportais en Galicia teñen, ademais, unha función protectora ante as inclemencias meteorolóxicas tan habituais no noso clima. En Redondela existiron moitas vivendas con este tipo de soportais, que obedecían a ese dobre uso que acabamos de indicar, pero foron sendo substituídas por vivendas que prescindiron desta tipoloxía tan frecuente en moitas vilas mariñeiras galegas. Quizais o feito de que Redondela fose deixando de ser unha vila abocada á actividade pesqueira, ao ir afastando o mar cada vez máis con aterramentos, ata perdelo completamente da vista paisaxística da vila puido influír na desaparición paulatina dos soportais das vivendas.

Casa de estilo mariñeiro

Imaxe
Destaca o balcón corrido por toda a fachada sostido por catro ménsulas con dobre pedra torneada.  A vivenda Conserva aínda o antigo caleado, propio das fachadas deste barrio. Se observamos, tamén nos decataremos de que os alicerces están apoiados sobre a roca nai do terreo orixinal.

A Farrapada

Imaxe
No paseo por este barrio atoparemos vivendas con soportais, outras con elementos estruturais moi antigos, algunhas apoiadas sobre rocha nai, ao carón de casas vilegas e outras xa restauradas na actualidade. SIGNIFICADO DO NOME O seu nome Farrapada ou Esfarrapada provén da derivación da palabra ‘farrapo’, co significado de trapo ou roupa vella. É un barrio de extramuros do que foi a vila amurallada da antigüidade. Quizais o nivel social das familias que o habitaban na antigüidade levase a ese nome pola roupa que estaría pendurada a secar nos balcóns e fachadas das vivendas. En Salceda de Caselas e en Ponte Caldelas atopamos tamén o topónimo Esfarrapada. Hoxe en día, atoparemos un barrio con transformacións e melloras na habitabilidade das vivendas, con fachadas que dan mostra dunha nova identidade urbana, sen perder o sabor da súa tradición e das súas orixes. CAMIÑO DE SANTIAGO Na actualidade o Camiño de Santiago atravesa todo este barrio ata a saída da vila. Por esta rúa principal da F...

Casa da Fontana

Imaxe
Tanto as portas coma as ventás posúen lintel de arco rebaixado, o que lle confire unha completa harmonía ao conxunto. Na fachada da rúa do Cabo dos Fumeiros posúe na parte inferior unha entrada para a bodega e outra para a vivenda, con dúas xanelas. Na parte superior posúe un balcón corrido ao logo de toda a fachada con catro portas. O paso á fachada da rúa da Picota realízase mediante unha esquina en chafrán. Na fachada da rúa da Picota presenta na planta baixa unha porta de entrada e dúas xanelas simétricas, e no andar superior podemos ver tres xanelas longas abalconadas. Na parte superior do edificio presenta un beiril labrado en pedra todo ao longo do edificio. Mágoa do beirado superior do tellado, recente, que non gardou a harmonía do resto da vivenda. A PICOTA Picota de Presencio (Burgos) O topónimo Picota figura en 15 lugares de Galicia, 11 deles na provincia da Coruña. As picotas eran “columnas ou forcas de pedra onde se expoñían os reos á vergonza pública para que servisen ...

Canastros de Redondela

Imaxe
A súa tipoloxía é a propia das Rías Baixas, con combinación de pedra e madeira nos paneis laterais, ou realizados integramente en pedra. Os que só conservan o esqueleto soamente necesitan que se lles repoña a madeira que perderon. A porta, nos exemplares que conservamos aquí, vai normalmente nunha das cabeceiras. O teitume é de tella. O número de pés é de seis, un dos máis comúns nesta tipoloxía. Nas fotos antigas que incluímos pódese ver a gran cantidade de canastros que formaba este conxunto, unha verdadeira beleza que non soubemos conservar ata os nosos días. Hoxe en día é admirable visitar calquera dos conxuntos de canastros que existen polo noso territorio. Non son soamente o testemuño vivo dunha economía que nos falaba da rica produción agraria que existiu neste lugar, senón que son tamén, e sobre todo, a expresión da nosa identidade, un elemento arquitectónico que nos identifica no mundo e que decora coa súa fermosura cada un dos recantos nos que os atopamos. Aquí na vila temos ...

Viaduto de Pontevedra

Imaxe
O 7 de marzo de 1882 comezaron as obras de levantamento das cepas de pedra do viaduto. A inauguración tivo lugar o 30 de xuño de 1884, tres anos máis tarde ca o viaduto de Ourense, o outro que existe na vila. O viaduto está realizado sobre 10 arcos de pedra de perpiaño nos dous extremos e soportes metálicos ao longo do van (a diferenza do viaduto de Ourense, que son de pedra). A lonxitude férrea que sobrevoa a vila ten 150 metros. O van central mide 57,5 metros de lonxitude, e os laterais 46 metros cada un. A altura na parte central acada os 26,5 metros e unha anchura de 5 metros. En total, contando os tramos metálicos cos arcos de pedra, a ponte alcanza unha lonxitude próxima aos 250 metros. VILA DOS VIADUTOS Grazas ás dúas pontes ferroviarias que a atravesan, Redondela e coñecida como a “vila dos viadutos” e son as dúas principais iconas que identifican a vila de Redondela. DESEÑO O deseñador desta ponte foi Mariano Carderera Ponzán (1846-1916), director da Escola de Enxeñeiros de Ca...

Fonte do Mouro

Imaxe
A parte inferior presenta un cadrado enmarcado noutra forma cuadrangular lisa que remata na súa parte superior con dúas volutas unidas cunha pequena forma en arco. Entre as volutas figura a data 1932, que nos remonta á época da Segunda República. No centro do cadrado enmarcado hai unha hexapétala da que sobresae un cano por onde verte a auga. Sobre esta construción cuadrangular érguese o busto da figura dun mouro con cofia e típica espada moura en actitude combativa. Non se coñece con exactitude a procedencia desta figura do mouro. Quizais puido pertencer a outra composición maior coa escenificación dun Santiago Matamouros. Non obstante, semella realizada sobre o seu propio soporte, como unha figura independente, o que tamén nos pode facer pensar que foi realizada a propósito para a fonte orixinal, que tamén descoñecemos se estaría datada en 1932. COSTUMES Esta fonte ten, aínda hoxe en día, sona de posuír augas con propiedades curadoras. Ata ela descendían en grupo os leprosos que viví...

Capela de Santa Mariña

Imaxe
 FACHADA Podemos apreciar unha típica portada de estilo barroco con catro columnas estriadas embebidas na fachada, xa que forman parte do muro da propia fachada e apenas sobresaen dela.  Estas columnas rematan en capiteis corintios floreados, con tres follas cada un. Sobre a porta, de arco rebaixado chamado escarzano, destaca un rosetón de catro pétalos. Por encima deste rosetón atravesa unha cornixa da que arranca un frontón curvo partido rematado en volutas, con forma espiral.  No centro do frontón hai un nicho baleiro que xa forma parte do arranque da torre do campanario. A torre termina nunha cúpula. Sobre a cúpula sobresae un fermoso pináculo con base cuadrangular e remate esférico. Na parte dereita da fachada atoparemos un reloxo de sol. INTERIOR DA CAPELA O interior presenta dous elementos principais: un coro elevado sobre a porta de entrada principal e un retablo no altar maior. O retablo está estruturado en dous pisos, un ático superior e cinco rúas verticais....