Casa indiana Villa Elisa
Esta casa de estilo indiano foi construída en 1909 por Avelino Giráldez Pazó, emigrante na cidade arxentina de Villa Elisa -de aí o nome que lle puxo á súa casa en Redondela.
Avelino Giráldez foi alcalde de Redondela en dúas ocasións: entre 1902-1908 e entre 1910-1911. Ao longo da súa vida tamén chegou a presidir a Unión Patriótica de Redondela, unha organización política española fundada en Madrid, en abril de 1924, polo ditador Miguel Primo de Rivera.
As casas indianas son aquelas que presentan unhas características construtivas, diferentes ás edificacións tradicionais galegas, como consecuencia do primeiro gran movemento migratorio producido entre a segunda metade do século XIX e as primeiras décadas do XX.
Presentan un gran porte e elegancia construtiva que responde ao esquema de vivenda unifamiliar independente rodeada de natureza viva e que, normalmente, se pode complementar con construcións anexas.
A palabra "indiana" fai referencia ás persoas emigradas ao continente americano que fixeron fortuna e edificaron na súa terra natal estas grandes casas como mostra da súa prosperidade. As casas indianas acostuman estar formadas por un soto, una planta baixa, un ou dous pisos e un gran faiado completado con mansardas. Villa Elisa é gran casa rodeada por un amplo xardín (neste caso reducido co paso do tempo) con árbores exóticas (palmeiras e rododendros) e os balaústres de pedra decorados con xerros. A propiedade está fechada por unha fermosa forxa na que aparece destacado o nome da propiedade: Villa Elisa.Ao redor da casa podemos observar dúas elaboradas escalinatas para dar acceso desde o xardín a cadansúa fachada. As fachadas presentan unha gran simetría marcada por grandes xanelas regulares de de dimensións semellantes.Nunha das fachadas da casa destaca unha galería á que se accede por unha das escalinatas. Esta galería foi un engadido posterior pechando unha terraza orixinal, tal como pode observarse na foto antiga. Coroan o tellado do edificio catro mansardas abalconadas con dobre porta, gardando a simetría que caracteriza todo o edificio.Podemos salientar tamén algúns elementos decorativos como son as varandas pétreas das escalinatas, o remate columnado das esquinas da vivenda, que se repite no centro da fachada, a decoración labrada que rodea todos os vans de portas e xanelas, a fermosa forxa que presentan os balcóns e as xanelas e os remates columnados das mansardas do tellado con volutas cuadrangulares na parte inferior e circulares na parte superior.
Fontes de información:
Galipedia (fotografía antiga)





