A Farrapada
No paseo por este barrio atoparemos vivendas con soportais, outras con elementos estruturais moi antigos, algunhas apoiadas sobre rocha nai, ao carón de casas vilegas e outras xa restauradas na actualidade.
SIGNIFICADO DO NOME
O seu nome Farrapada ou Esfarrapada provén da derivación da palabra ‘farrapo’, co significado de trapo ou roupa vella.
É un barrio de extramuros do que foi a vila amurallada da antigüidade.Quizais o nivel social das familias que o habitaban na antigüidade levase a ese nome pola roupa que estaría pendurada a secar nos balcóns e fachadas das vivendas.
En Salceda de Caselas e en Ponte Caldelas atopamos tamén o topónimo Esfarrapada.
Hoxe en día, atoparemos un barrio con transformacións e melloras na habitabilidade das vivendas, con fachadas que dan mostra dunha nova identidade urbana, sen perder o sabor da súa tradición e das súas orixes.
CAMIÑO DE SANTIAGO
Na actualidade o Camiño de Santiago atravesa todo este barrio ata a saída da vila.Por esta rúa principal da Farrapada pasan milleiros de peregrinos cada ano no seu camiñar cara a Compostela.