Cemiterio dos Eidos
Ata o s. XIX as persoas mortas na vila eran enterradas no adro da igrexa de Redondela. A partir de 1855 construíuse este cemiterio no lugar que antes ocupaba parte dun antigo hospital de peregrinos, hoxe desaparecido.
O camposanto está rodeado por un gran muro perimetral feito de perpiaños irregulares montados coa técnica denominada muro de pedra seca, sen material de fixación e rematado cunha fileira de pedra de forma triangular.
Presenta unha elevada porta monumental de acceso, realizada con perpiaños regulares, na que destaca unha cornixa coroada por dous pináculos, cos restos da base dunha cruz que existiu entrambos.
No seu interior presenta dúas vías principais perpendiculares entre si, dividindo o cemiterio en catro zonas ou cuadrantes, cun vieiro perimetral que bordea todo o recinto. Os cuadrantes enumerarémolos comezando pola esquerda da entrada principal e seguindo o percorrido perimetral.
O estilo é o característico neoclásico da época: planta rectangular ou cadrada (neste caso rectangular de 47 m de longo e 36 m de largo).
No paseo central destacan as galerías porticadas con columnas ou piares que acubillan os nichos. As catro zonas divídense mediante paseos, e cada unha delas delimítase con sebes vexetais de buxo.
Un paseo entre as diferentes tumbas e mausoleos pódenos permitir admirar tamén a arte que figura nas diferentes mostras de arquitectura de estilos como o neogoticismo, eclecticismo, o historicismo ou o rexionalismo. Como mostra, o mausoleo que queda no extremo oposto á capela, construído polo arquitecto galeguista Gómez Román.
A capela
Está construída apoiada no muro leste, mantendo a orientación tradicional das igrexas. Cantería de granito de perpiaños regulares. Nos laterais está decorada con dúas falsas columnas con capiteis simples. A espadana central remata na parte superior cun pequeno campanario con arco de medio punto e coroado cunha cruz.
No altar destaca a figura do crucificado e o retablo de ánimas debaixo da cruz.
![]() |
Mausoleo construído por Gómez Román |
Neste cemiterio están soterrados moitos dos persoeiros que houbo na historia recente de Redondela. Tamén podemos admirar algunhas fermosas construcións de mausoleos, tumbas e figuras escultóricas ao longo da visita.
No segundo cuadrante do cemiterio podemos ver un monólito coa placa conmemorativa que recorda a fosa común existente no propio lugar na que repousan os corpos de 42 persoas represaliadas durante a Guerra Civil.
O cemiterio dos Eidos foi clausurado en 1988.
Este cemiterio aspira a formar parte de la Asociación de Cemiterios Significativos de Europa (ASCE), coa inclusión na Rede Europea de Cemiterios na axenda da Organización Mundial de Turismo, ou a incorporación ao proyecto europeo Symbols, de promoción do patrimonio funerario.
Outra información
Algúns dos persoeiros soterrados no cemiterio dos Eidos:
Comezaremos este percorrido para a visita dalgunhas das tumbas significativas entrando no cemiterio e xirando á nosa esquerda.
Antero Rubín Homent (1851-1935): situado no paseo perimetral do primeiro cuadrante. Como colofón á súa longa carreira militar, chegou a ocupar o cargo de capitán xeneral de Galicia a comezos do século XX. Iniciouse desde moi novo nas Guerras Carlistas e foi heroe da Guerra de Cuba.
John O'Dogherty, alcumado como Juan do Ghuerto (1777-?) (como adaptación do seu nome á pronuncia coloquial): situado no paseo perimetral do primeiro cuadrante. Heroe da batalla de Ponte Sampaio contra as tropas de Napoleón. Casou na vila, onde ten descendentes actuais. De familia nobre irlandesa, participou en numerosos combates navais: Güiana, As Malvinas, Río da Prata, Trafalgar, As Canarias....
Juan Amoedo Seoane (1886-?): está enterrado no mesmo nicho ca o anterior. Dirixiu o Partido Reformista en Galicia, fundado por Melquíades Álvarez en 1912. Foi avogado, agrarista e redactor do semanario redondelán La Idea, que se publicou entre 1901 e 1918.
Francisco Crespo Rivas (?-1947): localízase no primeiro cuadrante. Foi impresor, xornalista e escritor galego. Participou como fundador e director de El Pueblo. Tamén traballou como procurador e fiscal municipal de Redondela e promoveu un Sindicato Agrícola Católico. Chama a atención a columna coroada cunha forma piramidal que decora a súa tumba. Esta forma piramidal tamén motivou que fose relacionado coa simboloxía propia dunha loxa masónica.
Claudio Contreras Valiñas (1880-1936): situado no paseo perimetral do segundo cuadrante, pegado á capela. Foi avogado e político, alcalde de Redondela (1914-1915), deputado provincial, gobernador civil de Zamora durante a ditadura de Primo de Rivera e gobernador civil de Almería dende marzo de 1931.
Isidoro Queimaliños (1850 - 1904): situado no paseo perimetral do segundo cuadrante. Médico, xornalista e político liberal galego.
Como médico, a súa preocupación e axuda ás persoas necesitadas valeulle a consideración de "médico dos pobres".
Foi redactor de El Porvenir de Santiago de Compostela e correspondente de La Integridad de Tui en Redondela. Colaborou nos periódicos locais La Verdad e La Idea. En 1899 accedeu ao cargo de alcalde de Redondela.
O mausoleo que hai no cemiterio foi erixido por subscrición popular.

Alejandro Otero Fernández (1888-1953): situado no paseo central, no terceiro cuadrante. Foi un médico e político socialista galego, catedrático de xinecoloxía da Universidade de Granada, da que foi nomeado reitor en 1932. En 1931 saíu elixido deputado pola provincia de Pontevedra polo PSOE. Sufriu encarceramento uns meses no transcurso da Revolución de 1934. Durante a guerra civil española foi subsecretario de armamento e ao remate exiliouse en México.
Ramón Pardo Ferro (? - 1898): situado no centro do cuarto cuadrante. Foi alcalde de Redondela no século XIX. Posúe un dos mausoleos máis significativos do cemiterio, coroado por unha escultura cos ollos tapados que representa a virtude teologal da Fe, situado na parte central do cuarto cuadrante, que se atopa á dereita da entrada principal do cemiterio.
Guillermo Uhagón (1830 - ?) : chegou a ser capitán de fragata da Real Armada e desenvolveu o seu labor na especialidade de enxeñaría naval, o que propiciou que chegase a dirixir a escola de enxeñeiros da Armada situada en Ferrol.
Fontes de información:
Érase una vez Niels H, Abel y Evariste Galois