Peto de ánimas do cemiterio dos Eidos
Non se pode saber con certeza a data de realización do peto de ánimas orixinal, xa que este, de madeira, foi roubado a principios dos anos 90 do século pasado. Posiblemente poida ser da década de 1860, de acordo coa documentación conservada. En 1995, o canteiro José Antonio Sueiro Portela tallou en pedra un novo exemplar, seguindo a iconografía do anterior. Este canteiro formado en Poio especializouse na elaboración de cruceiros e traballou na restauración da varanda de pedra da catedral de Santiago, na praza das Praterías, ou na reposición do monumento aos mártires de Sobredo en Guillarei, así como tamén participou no taller onde se insculpía o conxunto monumental da praza das Travesas de Vigo, de Silverio Rivas.
Este peto de ánimas está situado no muro da parte posterior da capela do cemiterio dos Eidos. O nicho do peto de ánimas é aberto e está entre dúas columnas redondas embebidas nas paredes laterais do retablo, que sosteñen unha arquitrabe sobre a que vai unha cornixa. Da cornixa parte un arco de medio punto que contén no seu interior a seguinte inscrición sobre un fondo negro: “UNA LAGRIMA POR UN MUERTO SE EVAPORA / UNA FLOR SOBRE UNA TUMBA SE MARCHITA / UNA ORACION POR SU ALMA LA RECOGE DIOS. S. AGUSTIN”.
O retablo amosa a Cristo crucificado e, debaixo del, entre as chamas, o papa, un cura, un bispo, un frade e unha monxa. É curioso que todas sexan figuras relixiosas, cando o común é que tamén aparezan fieis leigos e mesmo representacións de reis.
Na parte inferior, base do peto de ánimas, está o esmoleiro onde se depositan as esmolas para misas de sufraxio das ánimas.
Os petos de ánimas
Os petos de ánimas son pequenos templetes que aparecen repartidos ao longo de toda a xeografía galega. No concello de Redondela existen dez petos de ánimas e dous esmoleiros. Os esmoleiros son pola devoción dunha figura relixiosa e os petos son pola devoción das ánimas.
Estes templetes presentan figuracións de ánimas penando no lume do purgatorio. Están representados todos os estratos sociais, desde os reis ata os simples fregueses pasando por todos os cargos e dignidades da Igrexa.
Sobre todos eles adoitan aparecen as figuras ás que rezaremos para que intercedan na salvación das ánimas do purgatorio: Xesús crucificado, a Virxe María ou un frade, normalmente franciscano.