Tenda da Loura
É unha das dúas tendas tradicionais que existen na vila, xunto coa tenda da Regueira, na rúa de Telmo Bernárdez. Ambos os propietarios manteñen un parentesco entre si na actualidade. Hai que constatar que na antigüidade existiron moitas tendas tradicionais na vila, e moitas delas eran parentes entre si, por continuidade de liñas familiares dedicadas a esta actividade.
A tenda da Loura mantén a liña familiar en activo desde o ano 1928, cando Carmen a Loura colleu o traspaso do negocio. Esta liña familiar mantívose ata a actualidade en que o seu neto Agustín "Loura" Lobera leva o negocio familiar. O alcume Loura provén da bisavoa do actual propietario, que era unha muller moi loura. De feito, o símbolo que se expón pola tenda é o pano da cabeza que se garda como imaxe da bisavoa, a Loura.


