Cruceiro e peto de ánimas de Vilavella
Toda esta praza de Ponteareas formou no seu tempo un fermoso conxunto no que ao noso arredor aínda quedan testemuños deste emblemático lugar da Vilavella: este cruceiro co seu peto de ánimas, a fonte de auga, o convento e a igrexa antiga que o acompaña. Moi preto da praza aínda se pode albiscar a ponte sobre o río Maceiras, afluente do río Alvedosa, que posúe a ambos os lados cadanseu leguario conmemorativo no que se poden ler algunhas palabras gravadas.
Unha das particularidades especiais deste cruceiro é a de posuír ao seu carón un peto de ánimas. Aquí na vila só existe outro cruceiro con peto de ánimas semellante a este: o cruceiro dos Pasais.
Ata os anos setenta do século pasado, este cruceiro estivo no outro lado da rúa, en fronte da localización actual, tal como pode observarse en fotos antigas.
Descrición do cruceiro
A altura total deste cruceiro de de 4,85 m e consta dos seguintes elementos:
![]() |
Plataforma do cruceiro |
![]() |
Base do cruceiro |
![]() |
Fuste do cruceiro |
![]() |
Capitel |
O conxunto decorativo que forma este capitel é de gran beleza porque lle dá gran dinamismo, viveza e continuidade á estilización en altura que lle proporciona ao cruceiro a decoración estriada do fuste.
Cruz: Toda a cruz está labrada nunha única peza de pedra.
No anverso represéntase a figura de Cristo crucificado, con tres cravos.
Presenta os brazos estendidos case en paralelo á cruz e apegados a ela. A cabeza tena ladeada cara á dereita, como é habitual nos nosos cruceiros, e unha coroa de espiñas metálica arredor do seu cabelo.
No reverso da cruz é onde atopamos unha figuración con gran dramatismo expresivo.
Peto de ánimas de Vilavella
Está situado acaroado ao cruceiro de Vilavella, no centro da praza de Ribadavia, entre a fonte da praza e o convento. É normal atopalo decorado con flores, candeas e ofrendas de froitos do campo, como xa viramos no peto de ánimas dos Pasais.
O peto de ánimas está dividido en dúas partes:
A base inferior é monolítica cunha forma de dobre prisma de diferentes tamaños.
O prisma pequeno leva unha inscrición, habitual en moitos petos de ánimas, na que nos recorda o significado intrínseco deste tipo de monumentos populares: "Romped, romped / mis cadenas / Alcanzadme libertad / cuan terribles son mis / penas / Piedad cristianos / Piedad".
Nesta inscrición lémbrasenos o sufrimento das almas que están penando os seus pecados no purgatorio, e a necesidade de que preguemos por elas e depositemos esmolas neste peto de ánimas para a celebración de misas de sufraxios para facilitar a liberación do seu sufrimento e a ascensión ao ceo.
Esta base monolítica remata na parte superior cunha cornixa moldurada que o envolve arredor. Na plataforma superior que forma esta cornixa sitúase a rañura onde depositar as esmolas, que se abre pola parte posterior.
O retablo das ánimas
Está protexido por un portelo de reixa e realizado en madeira policromada. Mide 75 cm de alto e 66 cm de largo. Remata en arco de medio punto, así como a cornixa da decoración moldurada que arrodea o retablo.
A figuración do retablo está presidida na parte superior polas imaxes de Cristo crucificado, a súa Nai a Virxe María á dereita e san Francisco á esquerda.
![]() |
San Francisco cunha caveira na man |
Lembremos que san Francisco tamén a chamaba "irmá morte". Unha imaxe do santo posterior a Trento que une a "irmandade" medieval de san Francisco con toda natureza que o arrodeaba con esta nova visión máis asceta e penitente do santo, e, polo tanto, máis próxima á misericordia e ao sufrimento da humanidade tras a morte.
Outra información
![]() |
Fresco da basílica de Asis Suponse a representacción máis fiel do santo |
O culto a sa Francisco é unha das novas advocacións potenciadas a partir do concilio de Trento, celebrado a mediados do século XVI.
Un dos dogmas do concilio de Trento era que "existe un purgatorio, e que as almas alí detidas son socorridas polos sufraxios dos fieis".
![]() |
Concilio de Trento, por Tiziano, contemporáneo desta celebración |
As figuras santas e divinas que aparecen na parte superior do peto de ánimas (que representa o ceo) son as intermediarias ás que lles hai que pedir indulxencia para o sufraxio das ánimas penitentes dos nosos defuntos.
Depositar esmolas no peto de ánimas contribuía á celebración de misas que acelerasen o proceso de liberación das ánimas dos tormentos do purgatorio e acurtar a súa permanencia neste estado de sufrimento.
FONTES DE INFORMACIÓN