Tallista José Fernández "Sesé"

No eido da súa casa en Vilavella podemos contemplar unha parte da súa obra en exposición ao aire libre.

Destacan dúas das súas figuras máis repetidas e representativas:

O Xan Carallás. Unha figura ficticia representativa da iconografía de personaxes populares de Redondela na actualidade. Como escultura naceu a partir dun debuxo realizado por Castelao sobre o ano 1930 por petición dun grupo de amigos de Redondela que formaban unha peña. A inscrición que levan as figuras de Xan Carallás, en cambio, é do ano 1900, tal como apareceu na publicación Vida Social de Vigo:

Aquí fas quen sempre fas.
Aquí fas quen sempre vela.
Aquí fas, Xan Carallás.
Fundador de Redondela.

E a emblemática Coca, da que xa falamos cando nos referimos á celebración do Corpus en Redondela.

Xunto a estas dúas figuras emblemáticas tamén podemos ver dúas grandes rodas de carro, unha gaita e, xa como obra de cantería en pedra, un cruceiro tradicional galego.

A continuación reproducimos a recensión biográfica do estudoso redondelán Juan Migueles que figura na súa sempre interesante web Anecdotario Redondelán:

Os irmáns "Sesé (20-03-1914) e Benito (21-03-1916), naceron en Santa Mariña, Redondela. Xuntos abriron o taller de carpintería “Hermanos Fernández”, no que formarían a outros bos ebanistas, como Antonio Martínez Álvarez “Tonacho” e Manuel Alonso “Fallusca”.

Participaron en numerosas exposicións, e recibiron nos anos 40 e 50 varios premios a nivel provincial tanto de forma conxunta como individualmente. Foron fundadores da Peña de Xan Carallás, realizando Sesé o Xan Carallás de madeira que se convertería na “mascota” da peña. Obra do seu taller foi a representación das ánimas do cruceiro de Pasais, sustituída nos anos 80 por outra realizada por Sesé, que tamén realizaría varios traballos para a capela de Santa Mariña.

Benito casaría en Pontevedra creando alí o seu propio taller, mentres que Sesé seguiría en Redondela, tallando “Xan Carallases”, “Cocas” e cadros de debuxos de Castelao entre outros".

FONTE DE INFORMACIÓN

Anecdotario Redondelán


(imaxe interactiva)

Publicacións populares deste blog

Paseo da Portela

Porta da Vila

Aparcadoiro e inicio