Cruceiro e peto de ánimas dos Pasais
O cruceiro que temos aquí nos Pasais mide en total 4,74 metros de altura.
Presenta unha base cuadrangular moldeada, rebaixada na zona central, na que leva unha inscrición dificilmente lexible ao seu arredor.
Sobre a base arranca directamente un varal redondo que conecta co capitel, o cal comeza cunha base redonda moldurada para desenvolverse posteriormente en forma cuadrangular coas esquinas en chafrán. En cada un deles hai unha cuncha de vieira como elemento decorativo. O capitel remata cunha moldura cuadrangular.
Encima do capitel sitúase unha cruz con forma ancorada, é dicir, cos remates en forma de áncora.
Presenta a figura de Cristo crucificado nunha das súas caras, a outra está exenta de figuración. Xesús ten os brazos estendidos (propia dunha iconografía medievalista), mentres que os pés están cruzados e cravados xuntos (propio das iconografías posteriores ao s. XIV, xa que na Idade Media o normal era representar a Cristo con catro cravos, un en cada pé); polo tanto, temos a representación de dous estilos iconográficos diferentes nesta imaxe.
A cabeza tena inclinada cara á dereita, símbolo habitual no cristianismo, no que o lado dereito ten valores positivos: o bo ladrón que morre crucificado con Xesús está á súa dereita; no pantocrátor das portadas das catedrais románicas, as almas que se salvan están á dereita de Cristo, e as que se condenan á esquerda; a relixión emprega a man dereita para realizar a bendición; no Credo afirmamos que Xesús está sentado á dereita de Deus...
![]() |
Encrucillada cara á vila, Reboreda e Quintela |
Peto de ánimas dos Pasais
E á beleza e devoción que en si representa un cruceiro, engadímoslle neste caso outro elemento artístico e devocional que é o peto de ánimas. Cando visitamos a zona do cemiterio vello dos Eidos, describimos o primeiro peto de ánimas do noso percorrido (en total serán tres os que visitaremos): era o peto de ánimas do cemiterio vello, onde demos todas as claves para a comprensión e contextualización relixiosa, artística e cultural destes elementos relixiosos da arquitectura popular.
Este peto de ánimas dos Pasais está situado sobre unha plataforma pétrea rematada cun mesado granítico. Sobre este mesado, pegado á cruz, érguese o peto de ánimas.![]() |
Patacas como ofrenda ás almiñas |
O retablo actual foi tallado por Sesé Fernández, substituíndo outro anterior que tamén saíra do mesmo taller que tiña co seu irmán Benito Fernández.
Na zona inferior vemos un monxe (que podería ser franciscano, pola cor identificativa do hábito) ao carón dunha ánima desconsolada. Tamén figura dunha muller, con roupaxe de cor azul en actitude orante.Detrás dela, outra anima implorando a súa salvación de entre as chamas do sufrimento. Está mirando cara ás figuras da escena superior: un anxo liberando unha ánima do sufrimento do lume. O anxo viste unha roupaxe de dúas cores, marrón e azul.
Normalmente nos petos de ánimas represéntanse diferentes estamentos sociais penando no purgatorio, que simboliza que a morte nos iguala a todos: o pobo común (neste caso espidos), a nobreza (que podería ser neste caso a muller vestida con esa roupaxe) e a igrexa (neste caso representada polo monxe).
As cores dominantes son catro: o azul do ceo, do manto do anxo e da roupaxe da muller; o vermello, que representa as chamas ardentes do purgatorio; o marrón da vestimenta do anxo e do monxe; e o rosa pálido dos corpos e as caras dos personaxes. É curioso que no anxo atopemos a cor marrón do hábito do monxe conxuntada coa cor azul do manto da Virxe.