Edificio do concello
O edificio do concello foi construído entre os anos 1952-1955. Presenta un estilo rexionalista herdado da liña estilística desenvolvida polo arquitecto Gómez Román nos anos vinte do pasado século.
O rexionalismo naceu como unha corrente arquitectónica que se desenvolveu a comezos do século XX, que contestaba, desde unha óptica galega, as expresións que dominaban as construcións daquela época, como o eclecticismo ou o modernismo.
O rexionalismo arquitectónico galego tomou a súa inspiración nos pazos barrocos galegos. Neste edificio do concello podemos observar os seguintes elementos caracterizadores:
No xogo de volumes presente no edificio destaca a torre, como principal expresión ornamental, colocada nunha das esquinas, como elemento de unión entre as dúas fachadas máis relevantes e que ofrece a perspectiva máis atractiva da edificación. Esta torre é recorrente entre as construcións rexionalistas. Aquí en Redondela temos dous exemplos máis pertencentes a este estilo: a torre do pazo de Petán e a torre do convento de Vilavella.A fachada principal está orientada cara aos xardíns da alameda e presenta unha configuración tradicional co balcón do salón de plenos encima da entrada principal. Esta fachada está por un frontón que contén o escudo de Redondela con pináculos a ambos os lados.A fachada lateral está orientada cara á rúa Afonso XII e proporciónalle ao edificio unha imaxe diferente e con personalidade propia, que esteticamente destaca máis ca a fachada principal. Nela salienta o gran balcón corrido situado sobre os soportais con cinco arcos de pedra.
Se nos fixamos na ornamentación xeral do edificio, observaremos tamén elementos decorativos característicos da arquitectura rexionalista herdeira dos pazos barrocos: as ameas que percorren a parte superior da torre, os pináculos da esquinas, as clásicas orelleiras barrocas -bastante esqueméticas neste caso- que arrodean os vans de portas e xanelas, as lumieiras que se engaden na parte superior das xanelas, ou o estilo ondulante da ménsulas labradas que sosteñen os balcóns.
(imaxe interactiva)