Edificio Royalti

O baixo deste edificio foi concibido desde a súa orixe como café. O nome actual provén do ano 1925. A partir de 1928 era coñecido popularmente como o café de Triscallo, alcume do seu dono naquel momento. A partir dos anos 90 do século pasado foi recuperado de novo co seu nome actual e sóubose manter ese aire antigo, incluso coa conservación do vello chan de baldosas.

O edificio ten dúas fachadas unidas con chafrán curvo. Vese que é unha fachada que expresa unha modernidade que rompe con estéticas habituais nos edificios da época, tanto nos tipos de arcos, coma nos elementos decorativos ou algúns xogos de volumes.

Vese con claridade unha vontade de modernidade no edificio para a época en que foi construído, de innovación, de refinamento estético que xa avanzaba naquel momento as pretensións de futuridade da arquitectura.

Na planta baixa está a cafetería, que presenta unha porta de entrada con arco aplanado, que inclúe as dúas xanelas a ambos os lados da porta.

No chafrán observamos unha xanela longa rematada na parte superior cun arco sobresaínte en pedra, con ese xogo de volume que conforma o arco.

Na primeira planta é onde destaca esa decoración creativa e fantasiosa que decora os baixos das xanelas, con combinacións da típica liña curva que caracterizaba o modernismo, coas liñas rectas verticais e o xogo de elementos naturais nas follas que sobresaen entre os piares.

O forxado das reixas das xanelas e o balcón deixa ver un elegante entrecruzamento de formas de arcos parabólicos, propios do modernismo, acompañados de pequenos elementos decorativos sinuosos de recheo, con decoracións vexetais no interior de cada un dos arcos.

Todo isto obedece a unha nova arquitectura urbana, burguesa e refinada que buscaba ese tipo de expresión estilística.

Publicacións populares deste blog

Paseo da Portela

Porta da Vila

Aparcadoiro e inicio